Comunicado sobre a reunión de nutricionistas do SERGAS en Lugo

O pasado venres 21 de febreiro celebrouse unha reunión na que participaron Dietistas – Nutricionistas do Sergas na Área Sanitaria de Lugo, un representante do Concello de O Corgo, a concelleira do BNG Montse Valcárcel, e un representante do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (CODINUGAL), para abordar diversas problemáticas relacionadas coa situación da nutrición no sistema público de saúde.

Situación dos nutricionistas na área sanitaria de Lugo

Os profesionais presentes manifestaron a súa preocupación ante a situación actual da nutrición na sanidade pública en Lugo, destacando:

  • Problemas coa xerencia na xestión da área sanitaria.
  • Creación insuficiente de vacantes, o que implica unha cobertura inadecuada da poboación e obriga a unha alta mobilidade xeográfica tanto de pacientes como de profesionais.
  • Actualmente, en Lugo cidade, só hai 1,5 nutricionistas para atender a toda a poboación, o que repercute na calidade da asistencia, provocando listas de espera e dificultades no seguimento dos pacientes.
  • Denuncias sobre a realización actual do traballo dos Dietistas – Nutricionistas por parte de outros profesionais sanitarios non cualificados.

Intervención da concelleira do BNG

A concelleira Montse Valcárcel manifestou o seu compromiso de trasladar a problemática ao Parlamento de Galicia dentro da Comisión de Sanidade. Porén, advertiu que debido á carga de traballo da comisión, non será inmediato. Tamén se destacou a importancia de que os profesionais acudan cando se trate o tema, xa que, aínda que non poderán intervir directamente, poderán seguir as deliberacións desde unha sala adxacente.

Ademais, Valcárcel informou que o BNG presentará unha serie de iniciativas no Parlamento para reclamar a restitución das 94 prazas de Dietistas – Nutricionistas que o SERGAS reduciu a 45 en toda Galicia. Na provincia de Lugo, este recorte será especialmente duro, xa que se pasará de 15 a 6 postos de nutricionistas, o que implicará que os profesionais teñan que desprazarse por toda a provincia, aumentando os custos e complicando o acceso aos servizos. Un exemplo sería o persoal que traballa en Lugo,

que tamén terá que desprazarse a localidades como O Corgo ou A Fonsagrada. Este recorte tamén suporá unha redución no número de días de consulta en cada centro de saúde, o que levará a un aumento nas listas de espera e a un empeoramento na calidade asistencial.

Postura do Colexio CODINUGAL

O Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia mostrou o seu apoio á postura das Dietistas – Nutricionistas de Lugo, estendendo estas preocupacións ao resto de áreas sanitarias de Galicia. Ademais:

  • Instouse a pasar á acción con compromisos concretos para a incorporación de máis nutricionistas ao sistema público de saúde, establecendo datas e número de vacantes por ano.
  • Expuxo o contido da reunión mantida coa Consellería de Sanidade en Santiago, onde se afirmou a vontade de incorporar máis nutricionistas no futuro.
  • Recalcouse a urxencia de contar con Dietistas-Nutricionistas noutros campos, como en saúde pública ou educación.

Conclusións e próximos pasos

Os asistentes coincidiron na necesidade de seguir traballando conxuntamente para mellorar a situación da nutrición na sanidade pública galega. Enfatizouse a importancia de xerar presión institucional e cidadá para garantir a inclusión efectiva de nutricionistas no sistema de saúde, así como a mellora das condicións laborais e a loita contra o intrusismo profesional.

Continuarase co seguimento das xestións no Parlamento e coa Consellería de Sanidade, demandando accións concretas para a incorporación progresiva de máis nutricionistas no sistema público de saúde.

Máis artigos