O profesional sanitario experto en alimentación
Coñece a súa formación, funcións e compromiso ético na mellora da saúde, o benestar e a alimentación da poboación.
Que é un Dietista-Nutricionista
Descubre que fai, como traballa e por que confiar nun D-N.
No Real Decreto 433/1998, do 20 de marzo (publicado no Boletín Oficial do Estado do 15 de abril de 1998), establécese o título universitario oficial de Diplomado e Graduado en Nutrición Humana e Dietética e as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á súa obtención.
Segundo a Conferencia de Consenso do Perfil Profesional do Diplomado e Graduado en Nutrición Humana e Dietética:
«Un dietista-nutricionista é un profesional da saúde, con titulación universitaria, recoñecido como un experto en alimentación, nutrición e dietética, con capacidade para intervir na alimentación dunha persoa ou grupo, desde os seguintes ámbitos de actuación: a nutrición na saúde e na enfermidade, o consello dietético, a investigación e a docencia, a saúde pública desde os organismos gobernamentais, as empresas do sector da alimentación, a restauración colectiva e social».

Segundo a European Federation of the Associations of Dietitians (EFAD):
«O dietista é unha persoa cualificada e legalmente recoñecida para poder aconsellar unha boa alimentación, tanto para grupos de persoas ou individuos en bo estado de saúde, como para aqueles que precisan un réxime terapéutico».
Segundo o US Department of Labour Dictionary of Occupational Titles (USA):
«Dietista é aquela persoa que aplica os principios da nutrición na alimentación de individuos e grupos; planifica menús e dietas especiais; supervisa a presentación e servizo das comidas; instrúe nos principios da nutrición e na súa aplicación na selección de alimentos».

Funcións do Diplomado en Nutrición Humana e Dietética
En todos os lugares onde unha alimentación axeitada pode axudar a mellorar a calidade de vida, os dietistas ensinan, investigan, valoran, guían e aconsellan. A profesión de dietista-nutricionista leva implícita no seu exercicio a educación alimentaria e nutricional en calquera dos campos onde é posible exercela.
Dietista clínico
Actúa sobre a alimentación da persoa ou grupo de persoas sas ou enfermas (neste caso despois do diagnóstico médico), tendo en conta as necesidades fisiolóxicas (ou patolóxicas, se é o caso), preferencias persoais, socioeconómicas, relixiosas e culturais.
Dietista comunitario ou de saúde pública
Actúa sobre a poboación en xeral desenvolvendo e participando en programas de políticas alimentarias, de prevención e saúde en xeral, e de educación alimentaria, dentro do marco da saúde pública e da nutrición comunitaria.
En restauración colectiva
Participa na xestión e na organización, e vela pola calidade e a salubridade dos alimentos durante o proceso de produción. Forma o persoal do servizo de alimentación en materia de seguridade alimentaria, planifica menús e valora o equilibrio da oferta alimentaria.
Na industria
Asesor na innovación de novos produtos e no márketing social relacionado coa alimentación.
Docencia
Formador en centros públicos e privados nos que se imparten coñecementos sobre alimentación, nutrición e saúde.
Investigación
Capacitado para integrarse nun equipo de investigación e desenvolvemento. Potencia a investigación na área da alimentación, a nutrición e a saúde.