Comunicado do CODINUGAL logo da reunión co Conselleiro de Sanidade

Logo da reunión mantida o pasado 8 de novembro co Conselleiro de Sanidade, queremos compartir convosco os principais puntos tratados.

En relación á información publicada polos sindicatos logo da Mesa Sectorial do pasado xoves 7 de novembro, confírmase que os 94 contratos temporais existentes na actualidade se renovarán ata o 28 de febreiro de 2024. A partir do 1 de marzo, a creación de 45 prazas que ofertaranse como postos de interino a través das listas de contratación. Isto supón un fito para a nosa profesión, xa que supón un importante paso cara a estabilización e consolidación da nosa figura dentro do sistema sanitario público.

Cómpre lembrar que estes 94 postos forman parte dun proxecto piloto para avaliar a viabilidade e impacto de Dietistas – Nutricionistas no SERGAS, que subliña a importancia do noso traballo no ámbito sanitario.

O tránsito das contratacións temporais ás prazas estruturais implica o recoñecemento oficial da necesidade da nosa figura dentro do SERGAS, sentando as bases de futuras oportunidades laborais. Ademais, a Consellería de Sanidade comunicounos que a súa intención é convocar un concurso-oposición para a estabilización destas prazas, que permita aos Dietistas-Nutricionistas consolidar a súa posición profesional de forma estable e duradeira.

En CODINUGAL insistimos na importancia das 49 prazas restantes para que tamén se transformen en vacantes e plantexamos a necesidade de crear prazas hospitalarias e prazas de distintas especialidades. A Consellería tomou nota destas propostas e asegura que serán consideradas no futuro.

Así mesmo, solicitamos información sobre como se realizará a convocatoria para cubrir estas prazas: se será a través de listas autonómicas ou listas por áreas preferentes. Aínda que aínda non se tomou esta decisión, aseguráronnos que seremos informados en canto haxa unha resolución.

En canto á distribución das 45 prazas, explicáronnos que se realizará un estudo previo en colaboración coa Mesa Sectorial para garantir unha asignación adecuada. Tamén seremos informados sobre isto.

CODINUGAL seguirá traballando para que os nosos socios teñan a maior puntuación posible para futuras oposicións. Ademais, comprometémonos a manter un diálogo constante coa Consellería de Sanidade sobre o Rexistro Sanitario, aclarando todas as dúbidas que nos transmites diariamente.

Durante o encontro tamén se abordaron cuestións fundamentais como o intrusismo profesional e a publicidade enganosa, comprometéndose a coordinar esforzos coa Consellería para establecer liñas de traballo que axuden a combater estes problemas e protexer a nosa profesión.

Desde a publicación dos estatutos do noso Colexio en agosto de 2020, conseguimos importantes avances que nos sitúan á altura doutras profesións sanitarias: a creación dunha categoría profesional recoñecida, o acceso ao rexistro sanitario e a compatibilidade entre funcións públicas e privadas, entre outros. Estes logros son froito do traballo colectivo e do compromiso de todos os membros.

Somos plenamente conscientes da situación actual e dos retos que aínda nos quedan por diante, pero non podemos ignorar os avances realizados. En CODINUGAL reafirmamos o noso compromiso de traballar arreo para seguir mellorando a situación dos dietistas-nutricionistas en Galicia. O noso obxectivo é garantir o recoñecemento, a estabilidade e o desenvolvemento da nosa profesión en beneficio de toda a sociedade.

Máis artigos