O Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia manifesta a súa profunda preocupación ante a recente publicación das 45 vacantes ofertadas polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) o pasado venres 14 de febreiro. Aínda que a estabilización de prazas é un paso necesario para o recoñecemento da nosa profesión no sistema sanitario público, a drástica redución dos 94 contratos temporais existentes a só 45 vacantes supón un grave retroceso, deixando desatendida unha gran parte da poboación que precisa atención nutricional especializada.
Ademais, as condicións establecidas nesta oferta resultan altamente problemáticas. En moitos casos, os profesionais deberán atender varios centros de saúde, o que implica desprazamentos continuos sen unha compensación axeitada polo tempo e os gastos que isto supón. A isto súmase a excesiva carga asistencial derivada do elevado número de tarxetas sanitarias por profesional, que nalgúns ámbitos podería superar as 60.000, unha cifra desproporcionada que compromete a calidade do servizo e a saúde laboral dos dietistas-nutricionistas.
Desde o Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, esiximos unha revisión urxente desta oferta para garantir unha distribución xusta e suficiente de prazas que permita tanto unhas condicións laborais dignas como unha atención nutricional eficaz e accesible dentro do sistema público de saúde.



