Transparencia
Apostamos pola apertura e a transparencia, cumprindo cos principios de boa xestión e bo goberno. Neste espazo podes consultar información pública sobre o Colexio.
Memorias anuais
Código deontolóxico
Está amplamente recoñecida a afirmación de que “para o desenvolvemento e consolidación dunha profesión é necesaria a existencia das correspondentes asociacións profesionais”. O colectivo de D-N actúa consecuentemente para conseguir o equilibrio profesional que se basea en tres puntos: asociacionismo, formación e ética.
- Asociacionismo e formación: A primeira Asociación Profesional – a AEDN – creouse en España no ano 1988, co obxectivo de agrupar ao colectivo, e implicouse de cheo na consecución dunha formación acorde coas demandas da sociedade do noso tempo e cun nivel académico que permitise o recoñecemento e a mobilidade existente noutros países. Un longo proceso académico permitiu chegar á titulación de Grao en Nutrición Humana e Dietética, nivel que permite a harmonización dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
- Ética: O Código Deontolóxico é un conxunto de principios e regras éticas que deben inspirar e guiar a conduta profesional, establecendo normas e deberes dirixidos a un colectivo, e é de vital importancia para o correcto desenvolvemento e funcionamento da profesión de Dietista-Nutricionista.
O Código ten como obxectivo primordial elevar o estándar da práctica e da boa praxis profesional, e deberá revisarse periodicamente ante as necesidades da profesión e/ou da sociedade.
O Código non poderá cumprir os seus fins se non se mantén constantemente alerta ante as necesidades cambiantes da práctica profesional e as novas situacións creadas polo progreso social e científico.
O Código Deontolóxico é unha guía xeral para o exercicio profesional e, por tanto, non pode recoller con detalle situacións que precisen actuacións concretas.
O profesional D-N adquire un compromiso serio e responsable coa sociedade. Este compromiso debe cumprirse a través deste Código Deontolóxico asumido, explícito, publicado e libremente aceptado por todo aquel profesional D-N que exerza como tal.
Estatutos
O Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (CODINUGAL) é a entidade que agrupa e representa aos profesionais da nutrición e da dietética na nosa comunidade. O seu obxectivo principal é ordenar o exercicio da profesión, defender os intereses das persoas colexiadas e contribuír a unha atención sanitaria de calidade desde o ámbito da alimentación e da saúde pública.
Estes estatutos recollen a normativa interna do colexio: establecen os dereitos e deberes das persoas colexiadas, regulan o funcionamento dos seus órganos de goberno, o réxime económico e disciplinario, e outros aspectos clave para garantir unha práctica profesional ética, rigorosa e comprometida coa sociedade galega.