Seguro de Responsabilidade Civil
Protexe o teu exercicio profesional cun seguro á túa medida.
O Seguro de Responsabilidade Civil (SRC) é un requisito fundamental para exercer como dietista-nutricionista no ámbito privado. Este seguro ampararate fronte a posibles reclamacións derivadas da túa actividade profesional, garantindo tranquilidade tanto para ti como para os teus pacientes.
Neste apartado explicámosche:
- Que cobre o seguro e por que é imprescindible
- Cando contratalo segundo a túa situación profesional
- Como xestionalo de forma sinxela e segura a través do colexio
O Seguro de Responsabilidade Civil non só é recomendable: é obrigatorio para todos os dietistas-nutricionistas, tal como establece a lexislación vixente.
A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, sinala no seu artigo 24 que:
«Os profesionais sanitarios que exerzan no ámbito da asistencia sanitaria privada, así como as persoas xurídicas ou entidades de titularidade privada que presten calquera clase de servizos sanitarios, están obrigados a subscribir o oportuno seguro de responsabilidade, un aval ou outra garantía financeira que cubra as indemnizacións que se poidan derivar dun eventual dano ás persoas causado con ocasión da prestación de tal asistencia ou servizos».
Por iso, a contratación do Seguro de Responsabilidade Civil é un requisito inherente ao exercicio profesional neste ámbito.
Cales son os obxectivos do SRC?
O obxecto do seguro é garantir, dentro dos límites establecidos na póliza, o pagamento das indemnizacións derivadas de danos involuntarios causados a clientes ou terceiros. Estes poden producirse como consecuencia de erros profesionais cometidos durante o exercicio da actividade como dietista-nutricionista.
En outras palabras, este seguro protexe ao profesional ante posibles reclamacións civís por actuacións realizadas no marco da súa labor asistencial.
Este seguro actúa como respaldo ante posibles situacións que poidan xerar responsabilidade civil, ofrecendo protección legal e económica ao profesional.
Cando debo solicitalo?
O Seguro de Responsabilidade Civil é obrigatorio para os dietistas-nutricionistas que exercen a súa actividade no ámbito privado, xa sexa en consulta, asesoramento ou comunicación divulgativa. É a forma de garantir protección fronte a posibles reclamacións derivadas de erros profesionais.
No caso dos dietistas-nutricionistas que exerzan exclusivamente no sector público, é a Administración competente quen debe asumir, de oficio ou a solicitude do prexudicado, a responsabilidade polos posibles danos ocasionados durante a prestación asistencial.
Non obstante, debe sinalarse que a devandita Administración está obrigada a reclamar, tamén de oficio, o importe das indemnizacións pagadas ao profesional responsable en determinados supostos, especialmente cando se demostre neglixencia, dolo ou incumprimento grave. Un dos criterios valorados para determinar esta responsabilidade é precisamente o carácter profesional do funcionario.
Por tanto, aínda que se conte coa cobertura institucional do servizo público de saúde, non existe unha protección absoluta, e o profesional pode verse exposto a reclamacións.
É fundamental que cada profesional revise a súa situación laboral e valore se a súa cobertura institucional é suficiente, ou se resulta conveniente contar cunha póliza propia que lle ofreza maior seguridade.
Como podo solicitalo?
Desde CODINUGAL dispoñemos de convenios exclusivos con diversas compañías aseguradoras que ofrecen seguros de responsabilidade civil deseñados especificamente para dietistas-nutricionistas.
Toda a información detallada (coberturas, tarifas e procedemento de contratación) está dispoñible na área privada da web para colexiados. Alí poderás consultar as opcións dispoñibles e seleccionar a que mellor se adapte ao teu exercicio profesional.