Seguro de Responsabilidade Civil Profesional (SRC)
“Os profesionais sanitarios que exerzan no ámbito da asistencia sanitaria privada, así como as persoas xurídicas ou entidades de titularidade privada que presten calquera clase de servizos sanitarios, veñen obrigados a subscribir o oportuno seguro de responsabilidade, un aval ou outra garantía financeira que cubra as indemnizacións que se poidan derivar dun eventual dano ás persoas causado con ocasión da prestación de tal asistencia ou servizos”. (Artigo 24 da Lei 44/2003 do 21 de novembro)
Preguntas frecuentes
O obxecto do seguro consiste en garantir dentro dos límites estipulados o pago das indemnizacións das que poidan resultar civilmente responsables os asegurados por danos causados involuntariamente a clientes e/ou terceiros por feitos que se deriven de erros profesionais en que puidesen incorrer durante o exercicio da actividade profesional como dietistas-nutricionistas.
Os dietistas- nutricionistas debemos dar coberturas á nosa práctica profesional se exercemos a asistencia privada.
No caso de traballar en exclusiva no sector público, poderiamos exercer só baixo a cobertura do seguro de responsabilidade civil do servizo público de saúde.
Actualmente, o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Dietistas- Nutricionistas de España (entidade á que pertencemos todos os colexiados de todas as comunidades autónomas), xunto con FIATC Mutua de Seguros e Reaseguros ofrece a posibilidade de adhesión a un Seguro de Responsabilidade Civil ( SRC) deseñado especialmente para o noso Colectivo, aínda que tamén existe a posibilidade de contratar devandito seguro con outras compañías aseguradoras, é o colexiado quen debe decidir o que máis se adecue aos seus intereses.